Saltar navegación

3.2 A escala de tons (Whole tone scale)

Descrición

Traducida en ocasións como escala de tons enteiros, algo que no noso idioma soa redundante.

Escala formada unicamente por tons. Sen semitóns. Por tanto só existe un tipo pero con dúas transposicións. A que comeza polo son “do” e o que o fai sobre o do♯-re♭

Olivier Messiaen na súa obra  Technique de mon langage musical, no que describe aspectos da súa propia linguaxe compositiva, dedicou un capítulo ao que denominaba Modes à transposition limitée. O primeiro destes modos corresponde á escala de tons e as súas dúas transposicións denominábalas coleccións.

X:2
L:1/1
M:
K:C
 C  D  E ^F ^G ^A C' |] 

...

E comezando pola nota do díese:

X:2
L:1/1
M:
K:C
 ^C ^D F G  A  B ^C' |] 

...

Peculiaridades da escala

  • Simétrica: A súa estrutura é a mesma ascendente e descendente.
  • Non ten un ton principal xa que todas as notas está á mesma distancia. Como non se distingue ningún ton ten un carácter borroso e indistinto.
  • A escala pode describirse como a combinación de dúas tríades aumentadas a distancia de ton.
  • Só a podemos transportar unha vez.
  • Pódese considerar que está formada polas tres primeiras notas de tres escalas maiores.

A sonoridade da escala

As tríades que se forman sobre esta peculiar escala son todos elas aumentadas. Por tanto a sonoridade sempre é a mesma. a da máis inhabitual das tríades.

X:2
L:1/1
M:
K:C
 [^CFA] [^DGB] [FA^C'] [GB^D']  [A^C'F']  [B^D'G'] [^C'F'A'] |] 

...

Características da tríade aumentada

  • Só existen catro tríades aumentadas. As demais son repeticións desas catro primeiras.
  • Non ten inversións, en calquera disposición soa igual. A simetría das escala e da tríade aumentada (a oitava, 12 semitóns, divídese en tres terceiras iguais, de 4 semitóns cada unha). Ao cambiar a disposición das notas o acorde permanece invariable.
  • Na contorna da escala de tons a cuatríade non existe, xa que a cuarta nota repite a primeira da tríade.
  • Tríade inhabitual. Só aparece na menor harmónica, unha única vez, sobre o III grao.

Actividade

Pixbay (Pixabay License)

Exercicio 1: Probemos a entoala:

Truco: Imos de tres en tres notas poñendo sempre o nome das notas Do RE MI (comezo da escala maior). Deste xeito facilitaremos a nosa entoación

Comprobamos que as tres primeira notas son fáciles (mesmo comezo da escala maior) pero chega un momento que perdemos a orientación debido a manter sempre a mesma distancia de ton.

A propia estrutura da escala propicia unha relación equitativa entre tódolos sons que, xunto a única presenza da tríade aumentada, establece un sistema atonal ou pantonal.

Exercicio 2: toca as tríades da escala de tons co piano, cun pequeno grupo instrumental ou con outro instrumento polifónico.

A tríade aumentada ten un uso limitado no sistema tonal ligada á función de dominante ou á nota de paso cromática.

Exercicio 3: Constrúe unha pequena improvisación sobre a estrutura harmónica I-IV - V - I substituíndo o acorde de dominante por unha tríade aumentada. Nesa compás utiliza a escala aumentada.

Historia

Primeiro apunte: parodia en Mozart

Unha das primeiras aparicións desta escala na literatura musical é na obra de Mozart Ein musikalischer Spass, (Unha broma musical) K. 522.

Entre outras sátiras e burlas musicais, Mozart mófase da dos violinistas torpes escribindo unha escala de tons na fin da cadencia do violín do terceiro movemento, para imitar o efecto dun erro no cambio de posición e facer como se soasen notas falsas.

Produto da modulación mediántica

No período romántico as modulacións xa non van ser a aquelas que recoñecemos como veciñas (tonalidades da dominante, subdominante e os seus relativos).

Vaise explorar con asiduidade a substitución da modulación á dominante pola modulación ao III grao, ou grao mediante. Esta alternativa vaise converter nunha característica netamente romántica.

Neste contexto, e froito deste recurso modulatorio, van aparecer escalas de tons en diversas composicións. Temos que recordar que esta escala contén unicamente terceiras maiores e cunha  secuencia de tres terceiras maiores completamos unha oitava.

Schubert posúe varias composicións onde podemos atopar a escala de tons por mor das modulacións mediánticas. Por exemplo:

  • O comezo do Sanctus da Misa en Mi bemol (1828). Un comezo sorprendente nas súas modulación coa escala de tons no baixo.


  • A fin do desenvolvemento do 1º movemento da Sinfonía “A Grande” número 9 en Do Maior, D. 944.
  • Octeto para quinteto de corda, clarinete trompa e fagot Op. 166, D. 803 . VI. Andante molto - Allegro Último movemento (1824). Unha progresión por terceiras maiores descendentes (Do Maior-La♭ Maior-Mi Maior-Do Maior-La♭ Maior) orixina tres liñas melódicas por tons, nos dous violíns e na viola respectivamente, por máis dunha oitava.

Á procura do límite da tonalidade e a cor musical

Posiblemente o primeiro compositor que fai un uso consciente da cor e carácter atonal desta escala foi Héctor Berlioz, quen influirá na obra de Listz e dos compositores da escola rusa.

Berlioz Obertura da ópera Les francs-juges

Cara ao  final da obertura Berlioz escribe un breve fragmento de gran indefinición harmónica na que dúas escalas de tons descendentes a distancia de terceira menor (que implica o uso simultáneo das dúas escalas de tons existentes) serven de contrapunto a unha escala cromática ascendente, harmonizada con arcordes de sétima diminuída. Unha pasaxe realmente experimental, tendo en conta a data(¡1826!) e a idade de Berlioz (23 años).

Mihail Glinka.(1837-1842) a ópera Ruslan e Liudmila.

Glinka emprega aquí a escala de tons para unha función dramática: representar ao malvado feiticeiro “Chernomor”.  A escala aparece sen harmonizar ao longo da ópera excepto na obertura, onde actúa de nexo de unión entre acordes relacionados por terceiras maiores, resultantes da división simétrica da oitava.

Franz Listz No final da súa Sinfonía Dante (1856-57)

Liszt harmoniza cada grao da escala de tons tamén cun acorde maior. Neste caso a escala de tons non se atopa na melodía senón no  baixo.

Modest Musorgski Na ópera Boris Godunov  (1868-69, revisión 1870-72) topamos un fragmento [extraido do segundo acto da versión de 1872].  Nel Musorgsky emprega a escala de tons completa na melodía, harmonizando cada grao da escala cun acorde maior en posición fundamental, dando lugar a unha sucesión de acordes con certa cor modal.

Rimsky-Korsakov no tema de Scheherazade. As notas principais do baixo forman unha escala de tons descendente con adornos diatónicos.

Un sinal característico no Impresionismo

Debussy tiña declarada a súa admiración por Musorgski, definindoo como “unha especie de deus da música”.  Coñece a música de Musorgski da man de Camille Saint-Säens, en concreto a ópera Boris Godunov.

Debussy usou  esta escala en moitas das súas composicións, sendo posiblemente  Voiles, do primeiro libro de Preludios, unha das máis representativas neste aspecto. De feito nos primeiros 41 compases da peza emprega unicamente as notas da escala de tons (exceptuando un pequeno cromatismo no compás 32).

O número de composicións nos que utiliza esta escala é moi nutrido. Entre outras que podemos explorar están: Nuages, Jeux d'eau, Preludes, Têtes, Reverie... Foi quen explotou máis intensamente as calidades da escala de tons (especialmente a súa intrínseca indefinición tonal).

O outro compositor francés impresionista, Maurice Ravel, utiliza na súa obra Ondines a escala de tons pero como resultado dunha progresión de acordes a distancia de terceiras. Tamén nesta outra:

Maurice Ravel: Jeux d'Eau

Un recurso máis na música do século XX

No século XX o uso da escala de tons vese reforzado pola procura de novos camiños fora do sistema tonal. Compositores como Alban Berg, Arnold Schoenberg, Ferruccio Busoni, Edward Elgar, Leos Janáček, Bartók, Olivier Messiaen, Karlheinz Stockhausen, Igor Stravinsky, Heitor Villa-Lobos e moitos outros. Ver máis

Escoitemos uns exemplos:

Leoš Janáček Sinfonietta 2 mov

Béla Bartók: Mikrokozsmos, nº 36

Alban Berg, Sieben frühe Lieder, 1. Nacht

Na contorna do jazz

Unha primeira peza que chama á atención é a introdución de
"Chant of the Weed" (1931)de Don Redman


En 1958, Gil Evans grava un arranxo con abruptas aparicións desta escala. Wayne Shorter na súa composición "JuJu" (1965), John Coltrane en  "One Down, One Up" (1965), e "Impressions" tamén usan este recurso. Art Tatum e Thelonious Monk son dous pianistas de jazz que usan habitualmente esta escala. As composicións de Monk en  "Four in One" (1948)[16] e "Trinkle-Tinkle" (1952)son dous bos exemplos.

Música popular urbana (rock e outros estilos aledaños)

En particular no rock progresivo, moitas bandas tamén a utilizan. Algúns exemplos son:

  • Pink Floyd: Dogs, do álbum  Animals (só de guitarra)


  • Dream Theater: Overture 1928
  • The Human Abstract: Holographic Sight
  • King Crimson: Fracture e One More Red Nightmare


  • Kraftwerk: Spacelab (from The Man-Machine)

Un exemplo sobre o acorde de dominante: Stevie Wonder

Cambiando de xénero temos un exemplo moito máis simple harmonicamente coa canción de Stevie Wonder  You are the sunshine of my life.

Na introdución da canción utiliza simplemente o acorde de tónica (con sétima maior) e o de dominante (con 5 aumentada).

No momento en que aparece o acorde de dominante a melodía toca unha escala de tons por terceiras maiores.

Reproduce este fragmento na tonalidade de Do maior.

Usos da escala de tons

  • Modulación mediántica
  • Dentro da función de dominante co acorde aumentado.
  • Efecto de cor con acordes a distancia de terceira.

Actividade

Sobre a estrutura harmónica I -V improvisa coa escala de tons na harmonía de dominante